|
O Consorcio de Compensación de Seguros é un instrumento ao servizo do sector asegurador español, plenamente integrado neste, e que conta cunha dilatada experiencia no ámbito das actividades que desenvolve. Xuridicamente, o Consorcio de Compensación de Seguros é unha entidade pública empresarial, adscrita ao Ministerio de Economía e Facenda, a través da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións,con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar. Na súa actividade a entidade está suxeita ao ordenamento xurídico privado, o que significa que o Consorcio ha de someterse na súa actuación, ao igual que o resto das entidades de seguros privadas, á Lei de Ordenación e Supervisión dos Seguros Privados e á Lei de Contrato de Seguro. O seu Estatuto Legal foi aprobado pola Lei 21/1990, do 19 de decembro e, tras sucesivas modificacións, quedou recollido no texto refundido aprobado polo Real Decreto Lexislativo 7/2004, de 29 de outubro, con modificacións introducidas pola Lei 12/2006, do 16 de maio. As actividades do Consorcio enmárcanse nas funcións aseguradoras e non aseguradoras que ten legalmente encomendadas. Respecto das primeiras cabe destacar o seu carácter subsidiario, sendo a súa actuación, polo xeral, a dun asegurador directo, en defecto de participación do mercado privado, e tamén a propia dun fondo de garantía, cando se dan determinadas circunstancias de falta de seguro, insolvencia do asegurador, etc. |